viernes, 14 de agosto de 2015

Pavement "Secret History Vol.1"

Xa en modo fin de semana, toca recomendar algunha novidade máis.
Esta semana lanzouse un dos álbumes que agardábamos con maior impaciencia. O primeiro da serie de recopilatorios de Pavement, unha da bandas máis influíntes dos 90s e unha das nosas grandes debilidades.
Os californianos foron unha das bandas máis descaradas, divertidas e independentes da súa década, e aínda que con cada lp se facían maiores, máis ambiciosos e sofisticados, deixáronnos 5 álbumes impecables que seguirán por sempre no máis alto, aínda que a súa despedida estaba cantada e non foi a que merecía o seu percorrido, e as carreiras dos seus membros tra-la disolución tampouco tivo nada destacable.
Pero ademáis deixaron unha morea de singles e eps e unha chea de material que descartaron sen publicar, aínda que moito foi incluído nas reedicións dos seus álbumes segundo se cumpría o vixésimo aniversario de cada un deles.
Reuníronse no 2010, cun recopilatorio baixo o brazo, pero é agora cando Matador Records retoma a idea de recuperar todo ese material por separado e con entidade propia. Así que pouca cousa nova, pero tratándose dos Pavement sempre hai que prestarlle moita atención.

Este "Secret History, Vol.1" inclúe o material recollido durante a época do seu primeiro álbum "Slanted & Enchanted" de 1992, temas descartados, mesturas diferentes, os Eps e caras b dos singles da época, as súas dúas primeiras Peel Sessións na BBC e pezas recollidas na súa primeira xira europea. Moitos destes temas xa foran publicados na reedición do álbum "Slanted & Enchanted: Luxe & Reduxe" do 2002 en dobre cd, pero presentados así, organizados por épocas, e moitos deles por primeira vez en vinilo. Esto último, como todo o paquete, xa é puro marketing, porque peca de demasiado directo: dos 30 temas da edición son 9 temas de estudio, 13 en directo, máis 8 das Peel Sessións, aínda que iso xa é doutro calibre. Pero nós deixarémonos levar e desfrutaremos destas edicións coma se todo fose novo, e agardando que chegue o seguinte volume xa!!

PAVEMENT "The Secret History, Vol.1"
(Matador Records, 2015)



No hay comentarios: