miércoles, 15 de junio de 2016

Henri-Pierre Noël "The Reflex Revisions EP"

Outro EP que vos recomendamos esta semana: "The Reflex Revisions".
Henri-Pierre Noël é un teclista haitiano, migrado a Canadá, que a finais dos 70s e comezos dos 80s lanzou un par de traballos únicos, que mesturaba o acid-jazz máis vangardista da época, o afro-disco e toda a riqueza rítmica do caribe.
Dende entón ata esta década nin rastro de publicacións na súa carreira. Foi o selo británico Wah Wah 45s quen o repescou, en primeiro lugar reeditando os seus traballos orixinais que estaban totalmente perdidos, e lanzando novos 7'', con material novo e remixes de vellas pezas.
O último é este "The Reflex Revisions EP", no que o productor francés Nicolas Laugier, máis coñecido como The Reflex, remestura varios temas de Henri-Pierre Noël. 'Funky Spider Dance', 'A Fifth Of Beethoven' e 'Back Home... Sweet Home'. Preséntase nun 12'' e se vos facedes coa edición dixital, inclúe 'Diskette' como tema extra.
As catro revisións se van ata os sete minutos cada unha, e reforzan a rítmica das orixinais, ademáis de potenciar os seus elementos máis característicos, respectándoas bastante sen que perdan a súa esencia.
'Funky Spider Dance' e 'Back Home... Sweet Home' pertencían ó álbum "One More Step" de comezos dos 80s, e que son as que manteñen máis elementos orixinais que diferenciaban o seu estilo, coa rítmica caribeña, os coros mestizos, e ese piano percusivo tan peculiar; mentres que o 'A Fifth Of Beethoven' é unha versión que Noël fixo sobre a peza de Walter Murphy coa 5ª Sinfonía de Beethoven convertida en disco (que coñeceredes de sobra polo cine), e aparecía no 7'' de Noël co que debutou para Wah Wah 45s no 2013. Por último o tema extra é 'Diskette', que pertencía o seu álbum de debut "Piano", de 1979.
Un auténtico pelotazo de baile que pega con todo.

Henri-Pierre Noël "The Reflex Revisions EP"
(Wah Wah 45s, 2016)



No hay comentarios: