jueves, 2 de noviembre de 2017

Wire "Pink Flag"

Máis punk do 77. Uns días despois do lanzamento dos Sex Pistols, veía a luz o "Pink Flag" dos Wire, un dos meus álbumes favoritos, se non o primeiro de todos.  Unha obra mestra de punk na que xa se adiantaba toda a música que viría despois. Moito teño escrito sobre él, e nunca me cansarei de escoitalo. 
Un imprescindible que cumpre 40 anos, e segue soando a fresco.

WIRE "Pînk Flag"
(Harvest, 1977)



Aquí vos deixo a columna 'Gravacións Perdidas' do Fanzine Despregable adicada a este álbum polo seu 30º aniversario (Despregable nº13, 2007)

"...remontámonos 30 anos atrás, Reino Unido, o ano do punk. Marco McLaren e o seu xoguete (Sex Pistols) axitaban a vida musical, cultural (tamén no deseño gráfico), social e política, no ano do xubileo da Raíña Isabel. O escándalo foi tan intenso coma breve, as consecuencias, entre outras, a creación dun estereotipo do PUNK copiado dos Sex Pistols, o cal era tan contrario o punk, que morreu coma movemento coherente case ó día seguinte do debut de Roten e cía. Pero houbo máis... Este álbum de Wire tivo unha nula repercusión entre os seguidores do movemento punk, non se adecuaba a eses clixés, moi pop, moi arrítmico... unha banda de vangarda. Era un álbum extrano. Se o punk reutilizaba as estructuras do rock clásico, Wire conseguían con guitarra-baixo-batería unha rítmica e unhas melodías tan enxeñosas e innovadoras coma simples e incomprensibles no 77. "Pink Flag" e os seus 2 seguintes álbumes [“Chairs Missing” do 78 e "154" do 79] conforman unha triloxía imprescindible na que se introduce a electrónica, secuenciadores, atmosferas obsesivas, ritmos imposibles e todo nunha evolución que vai dende o punk máis básico e primitivo ata o post-punk, o pop, o noise e moitos máis paus. 3 Lps en 3 anos que revolucionaron a música dos 70, e adiantaron a dos 80, a dos 90, e máis alá. O segredo: ser unha banda guitarreira tentando soar a calquera cousa menos a iso. Deste xeito temos ante nós unha banda imprescindible para comprender dende as primixenias bandas de hardcore californiano avaladas por SST (Minutemen é un claro exemplo...), o estoupido brit-pop dos 90 (a rebufo de MADchester), e do revival post-punk (moi directamente en bandas tan boas coma Erase Errata ou Liars). A anécdota estúpida: o grupo Elastica. Nos 90 Wire volveu á palestra mediática por culpa desta ‘orixinal’ banda que se adicou a plaxiar os seus temas: o seu 1º single ‘Strutter’ era un plaxio de ‘I am the Fly’ de Wire, e ‘Connection’ (o seu tema máis coñecido) outro plaxio do ‘Three Girl Rhumba’ deste mesmo álbum que estamos a comentar. A ‘Bandeira Rosa’ de Wire comezaba a facerse demasiado influínte para o mainstream. ‘Ex-Lion Tamer’, ‘Start to Move’, ‘Lowdown’, ‘Field Day for the Sundays’ (os mellores 28 segundos das vosas vidas…) e a fantástica ‘Mannequin’ son algúns dos 21 cortes de álbum, breves e intensos, acelerados ou pausados, melodías e arritmias, punk e pop, todo está neste álbum imprescindible. Se isto non vos fai vibrar é que estades mortos por dentro..."


No hay comentarios: