jueves, 29 de marzo de 2018

The Monochrome Set "Maisieworld"

Xa sabedes da miña debilidade por The Monochrome Set, seguramente a mellor banda descoñecida de pop do pleneta. En case 40 anos dende os seus comezos fixeron de todo, e agora nesta segunda etapa da súa carreira están nun momento de forma envexable. Neste 2018 lanzan novo álbum, este "Maisieworld", ao tempo que se publica un box set cos seus primeiros seis álbumes entre 1979 e 1985. Unha boa oportunidade para reivindicarse, que xa lles toca.
"Maisieworld" son dez novos temas de pop luminoso, como nos teñen acostumados nos últimos anos, de melodías impecables e instrumentación sofisticada e moi elaborada. Podes escoitar 'Gime me your youth' mil veces e prestar atención a moitas cousas cada vez, a liña de baixo de Andy Warren que é un auténtico escándalo, unha guitarra case de jazz, ou buscarlle significado á letra, pero o resultado é unha peza de pop psychodélico do mellor que teredes escoitado en moito tempo. Seguir con 'Stage Fight', 'I fell fine (really)' ou 'Silence is Rusty' é volver á mellor época dos Smiths. Toques de folk, psychodelia, e pop luminoso, con repouso das súas orixes de post punk e new wave, pero moito mellor evolucionado que a maioría da súa xeración. Unha delicia coma sempre.

THE MONOCHROME SET "Maisieworld"
(Tapete Records, 2018)



"Drøwn" dos Little Juice, a próxima semana

Xa está aquí a nova referencia de Ulomanía Coop.
Trátase do EP "Drøwn" dos Little Juice, que estará dispoñible dende a próxima semana (4 de abril), nunha edición moi limitada. 
Mentres, xa o podedes atopar completo no seu bandcamp.
Non quededes sen el.

miércoles, 28 de marzo de 2018

Semana Santa, de mércores a sábado

Nestes días de Semana Santa abriremos de mércores a sábado, así que dende esta mesma noite xa estamos de volta.
E ademáis lembrade que seguimos coas últimas sesións do ciclo OSLF:
o venres Reckless Daughter, e o sábado Lila Eléctrica!.
Non vo-lo perdades.


Triángulo de Amor Bizarro "El Gatopardo"

A semana pasada, os Triángulo de Amor Bizarro presentaban o seu novo EP, "El Gatopardo". Catro temas comprometidos e oportuno para estes tempos que corren.  Menos ruidosos aparentemente, pero cada vez máis ricos no musical.
Na cara A atopamos os dous temas máis dinámicos, a contundente 'O Isa' xa pinta a pelotazo, que os conecta directamente coa rítmica de bandas como os Oh Sees, 'Les llevaré mi cruz' moito máis melódica e con esa subida final. A cara B máis pausada, co medio tempo de 'Ciudadanos' na peza máis pop do EP, e a propia 'El Gatopardo', compendio de todo o anterior e rítmica contundente, mudar su piel para que no cambie nada... Metáforas medievais, din que inspiradas nas cantigas de escarnio e maldizer, e que lle dan un repaso a actualidade político social do país sen deixar títere con cabeza. Moi necesario.
500 copias en vinilo, a ver se non quedades sen el...
O audio do ep completo aquí.

TRIÁNGULO DE AMOR BIZARRO "El Gatopardo"
(Mushroom Pillow, 2018)



martes, 27 de marzo de 2018

Fu Manchu "Clone of the Universe"

Hay moitos anos que non lle prestamos atención aos Fu Manchu. Posiblemente a última oportunidade foi co "We must Obey" do 2007, e dende entón xa levan un par de álbumes máis. Xusto cando conseguiron unha formación máis estable a súa proposta sónica deixou de ter interese naqueles anos. Desta vez puido a curiosidade, e tras varias recomendacións, caímos neste "Clone of the Universe". De entrada seis temas coma seis sopapos, a toda hostia, a guitarrazo limpo, e moitos cambios de ritmo, case imposible seguirlle a pista a batería de Scott Reeder. 'Intelligent Workship', 'Don't Panic' ou a propia 'Clone of the Universe' alixeiran o recargado do último que lles tiñamos escoitado, máis directos nunha cara a con temas entre 2-3 minutos, aínda que ningún deles nos devolve aos fantásticos temas de "In serach of..." do 96 ou "Kings of the Road" do 99. A cara b do vinilo está ocupada por completo polos 18 minutos de 'Il Mostro Atomico', suite machacona na vertente máis psychodélica do stoner, un pouco excesiva, pero acaba por ser o máis salientable do álbum. Aínda teremos que darlle máis voltas...

FU MANCHU "Clone of the Universe"
(At the Dojo Records)



domingo, 25 de marzo de 2018

viernes, 23 de marzo de 2018

Este finde: Dark Black & Marinocha!

Este fin de semana, sesión dobre no ciclo OSLF?.
Esta mesma noite debuta na nosa cabina Dark Black, e o sábado será o turno de Marinocha, que ven con ganas... Non vo-lo perdades!


jueves, 22 de marzo de 2018

The Limiñanas "Shadow People"

A finais do ano pasado, The Limiñanas lanzaban o EP "Istambul is Sleepy", como adianto do sey próximo lp. A finais de xaneiro chegaba este fantástico "Shadow People", con dez novos cortes que seguen a evollucionar dende o naïf dos seus primeiros traballos ata a riqueza da súa proposta actual, psychodelia densa e por mementos escura, basada no garage psych e o surf instro e ducias de referencias entre os mellor dos 60s e os 80s.
En "Shadow People" inclúen dous temas daquel Ep, a propia 'Istambul is Sleepy' con Anton Newcombe, e 'Shadow People' coa colaboración de Emmanuelle Seigner que lle da título ao álbum, dúas pezas tremendas que seguen a ser o mellor do álbum. As colaboracións non se quedan ahí, Peter Hook (Joy Division, New Order) pon o baixo en 'The Gift' (xa colaborara con eles no seu anterior "Malamore"), e Bertrand Berlin  e Renaud Picard que aportan voces e coros en varios temas. Os ritmos motorik dominan todo o álbum, pero son protagonistas en 'Ouverture' e 'Motorizzati Marie', menos nos temas máis pausados, nos que dominan as atmósferas e as melodías ('Le Premier Jour' ou Pink Flamingos'). Cara o final 'Trois Bancs'  equilibra e resume todo o anterior. Seguen evolucionando no seu son, e neste álbum conseguen momentos realmente brillantes. Recomendado.

THE LIMIÑANAS "Shadow People"
(Because Music, 2018)



Yo La Tengo "I Can Hear the Heart Beating as One"

Mentres agardamos por facernos co novo álbum dos Yo La Tengo, imos a revisar un dos seus clásicos.
O seu camiño sempre foi o da exploración das posibilidades do pop e a pura mitomanía. "Painful" (1993) foi o álbum no que crearon novas atmósferas mesturando o shoegaze co dream pop, e o exitoso "Electr-O-Pura" (1995) continuaba as mesmas premisas dende as atmósferas de guitarra da Velvet Underground. O seguinte álbum de estudio foi este "I Can Hear the Heart Beating as One", lanzado en abril de 1997, octavo da súa carreira, no que continuaban coas texturas basadas nas guitarras, pero nesta ocasión ampliaban os seus rexitros ata onde ninguén da súa xeración chegara antes. 
Foi o seu álbum máis ambicioso ata aquel momento, logo chegarían outros proxectos dese calibre, pero este foi o primeiro dos seus traballos longos e sen concesións. Beating as One engadía electrónica e trip hop, bossa nova e ritmos tribais, krautrock e psychodelia. Unha variedade amosada en 'We're an American Band', 'Center of Gravity', 'Deeper into Movies', 'Moby Octopad', a enorme 'Spec Bebop' ou 'One PM Again', e ademáis os principais singles máis recoñecibles do álbum: 'Autumn Sweater', a versión do 'Little Honda' dos Beach Boys, e a fantástica 'Sugarcube'. Un discazo que os levou ao máis alto, e segue a ser considerado o seu mellor traballo. 
Un imprescindible en calquer colección. 

YO LA TENGO "I Can Hear the Heart Beating as One"
(Matador Records, 1997)



miércoles, 21 de marzo de 2018

Beasts of Bourbon "Box Set"

Levo todo o mes enganchado ao box set dos Beasts of Bourbon!!
A caixa foi editada no 2009 por Bang! Records, e inclúe os seus tres primeiros traballos: "The Axeman's Jazz" de 1984, "Sour Mash" de 1988" e o "Black Milk" de 1990. Había anos que non lles prestaba atención, pero agora que me fixen con esto non os podo quitar da cabeza.


Ian Svenonius "Te están robando el alma"

A finais do ano pasado, Blackie Books publicaba a edición en castelán do último ensaio de Ian Svenonius. Te están robando el alma funciona como a continuación perfecta do xenial Estrategias sobrenaturales para montar un grupo de rock, aínda que toda a súa producción literaria é un contínuo de reflexión, prédica e derribo da homoxeneización cultural e social dos tempos que vivimos. 
A edición orixinal foi publicada xa no 2015 ("Censorship Now!!", Akashic Books) e está composto, como é habitual na súa obra, dunha serie de ensaios breves que dan forma a unha chamada á transformación social. Reflexiona sobre a standarización do consumo de música a través das diabólicas plataformas de streaming, das grandes compañía comerciais, e a xentrificación dos festivais de música como apéndices de control dos individuos polo sistema, nunha partida máis da xeopolítica internacional. Todo exposto con títulos tan certeros como 'Te animaron a bailar twist sin tocar a tu pareja para aislarte en un nuevo mundo individualista' ou 'Te engancharon a series de HBO para que solo quisieras comprar y mirar. Nunca crear'. Trece capítulos de humor delirante pero cheo de verdades coma puños. Enorme Svenonius!
Tardamos en facernos con el, pero xa o estamos devorando.
IAN SVENONIUS "Te están robando del alma"
(Blackie Books, 2017)



martes, 20 de marzo de 2018

Jimi Hendrix "Both Sides of the Sky"

Máis edicións de Hendrix. Nos últimos tempos chegan case que tódo-los anos, algunha con tema novo, pero normalmente con tomas inéditas de pezas máis que coñecidas, sexan de estudio ou en directo.
Agora é o turno de "Both Sides of the Sky", que continúa a serie de "Valleys of Neptune" (2010) e "People, Hell and Angels" (2013), que conforman unha triloxía na que se recollen gravacións durante as sesións de "Electric Ladyland" entre o 67 e o 68, aínda que tamén novas tomas posteriores dos mesmos temas que datan ata de 1970, de xeito que algunhas están interpretadas pola Jimi Hendrix Experience, con Mitch Mitchell e Noel Redding, e outras coa Band of Gypsys, con Buddy Miles e Billy Cox, ademáis da aparición de Johnny Winter, Stephen Stills e o Saxofonista Lonnie Youngblood. 
Así que, coma sempre, novidades poucas. O máis destacable é unha versión previa de 'Woodstock' á que xa estaba editada, a versión do 'Things I used to do' de Guitar Slim coa colaboración de Johnny Winter, e para rematar 'Cherokee Mist', uoutra toma da xa coñecida alongada a ta sete minutos a modo de improvisación con ritmos tribais e as notas do Purple Haze. 
Máis do mesmo de sempre, pero fantástico para coleccionistas.

JIMI HENDRIX "Both Sides of the Sky"
(Hendrix Experience / Legacy, 2018)



lunes, 19 de marzo de 2018

Dark Black & Marinocha

O próximo fin de semana teremos sesión dobre no ciclo OSLF?.
O venres 23 debuta na nosa cabina Dark Black, e o sábado 24 será o turno de Marinocha, que ven con ganas... Non vo-lo perdades!


viernes, 16 de marzo de 2018

OSLF?

Seguimos coa nosa programación de marzo. Aínda queda moito ciclo OSLF.
Esta mesmo sábado teremos a ROCCO facéndose cargo da cabina. E no que resta de mes continuamos con dúas entregas semanais. Non vo-lo perdades!! 


Oneida "Romance"

Imos con algo máis raro, que xa hai tempo que non arriscamos.
Seguro que moitos coñecedes aos Oneida, pero é moi probable que nunca lles ningunha prestarades atención. 
Os de Brooklyn son unha referencia nas propostas experimentais, psychodelia densa, krautrock, minimalismo ou ruidísmo, nas últimas dúas décadas atrevéronse con todo, aínda que os resultados non sempre tiveron o mesmo éxito. Se non me fallan as contas este é o seu 17º álbum de estudio, a maiores de directos, traballos compartidos e ducias de singles e eps.
"Romance" é un dos seus traballos máis ambiciosos, habitualmente compostos por un par de temas de longa duración. Desta vez entregan un álbum longo, en formato dobre, cun par de pistas longas e cortes con duración de canción máis estándar, cheas de ruidismo e repetición de ritmos, máis centrado nas texturas e en poñer orde no caos. Entre os 11 temas tamén atoparedes o math de 'All in due time', o pop synth de 'Good Lie', e pezas máis habituais coma o kraut rítmico de 'Reputation', o punk de 'Cockfight', e para rematar os 18 minutos de 'Shepherd's Axe'. 
Non é para iniciados, nen tampouco o seu mellor traballo, pero levamos un par de semanas sen sacalo da cabeza.
O álbum completo no seu bandcamp.

ONEIDA "Romance"
(Joyful Noise Recordings, 2018)



jueves, 15 de marzo de 2018

Los Bengala "Año Selvático"

Tardamos en facernos con el, pero ao fin temos o novo álbum de Los Bengala, o dúo máis salvaxe da península. "Año Selvático" saíu en outubro do ano pasado, e é outra entrega da súa fórmula adictiva: garage hipervitaminado, enérxico coma poucos, bruto, melódico e divertidísimo. Arranca directamente con tres pelotazos, 'El guateque', 'Así nos va' e 'Siento Ardor' que non poderedes deixar de escoitar, e os westerns de 'El Destierro', na surfeira 'No quieres verme', e aínda máis salvaxes en 'El duelo', polo medio a versión de 'Salvaje' de Los Saicos. Rock, garage, surf, enormes melodías e moitos xogos de palabras entre unha descarga de pura enerxía. Outro discazo para escoitar con moita atención, e disfrutar en público. 
Enormes Los Bengala!

LOS BENGALA "Año Selvático"
(Wild Lion Records, 2017)



miércoles, 14 de marzo de 2018

Gloria "Oidophon Echorama"

O mes pasado vos recomendábamos o álbum de debut dos franceses Gloria. 
A semana pasada lanzaron un novo ep, "Oidophon Echorama", con seis temas de pop psych, garage e algo de jangle. 'Heavy' e 'The Rain is Out' os dous mellores temas con toda a tradicion do mellor dos 60s. O ep completo no seu bandcamp.
E o mellor de todo, a próxima semana, en directo en Compostela.

GLORIA "Oidophon Echorama"
(Howlin' Banana Records, 2018)



[Revival] Muerte por Cowbell

Un pouco de Revival, imos ata o 2013.
O mes pasado cumpríanse cinco anos dun dos show máis especiais que fixemos no local.

O concerto dos MUERTE POR COWBELL foi un dos eventos que anunciamos durante máis tempo, con moitas promos, e con máis gañas que ningún outro.
Carlos, Miguel, Noa e Sito, os catro fantásticos que se atreveron a facer unha homenaxe ao xigante Frank Zappa.
Foi unha tolemia organizada por Comomepós Producións e o Rif-Rock, e o resultado non puido ser máis divertido. Foi o 16 de febreiro do 2013, e por suposto, acabou sendo escollido o mellor momento do Rif daquel ano por votación masiva.


Foron sete temas, e un bis, todos da época post Mothers of the Invention, máis atrevidos que ningúen, todo adaptado con baixo, guitarra e teclados. 
Para repasar o concerto completo picade aquí. e para ver todo o materal dos Muerte por Cowbell seguide a etiqueta neste blog, con fotos, promos e demáis.
Aquí vos deixamos un par de vídeos: unha das promos con tomas dos ensaios e ameazas de morte a altas horas, e tamén o tema final, 'O home filloa' que adaptaba o mítico 'Muffin' Man'.


viernes, 9 de marzo de 2018

'Big Mama' Thornton


Xa había tempo que non publicabamos unha desas pequenas monografías no blog, así que hoxe imos cunha das grandes pioneiras do rthythm 'n'blues, Big Mama Thornton.
Willie Mae 'Big Mama' Thornton naceu en California en en 1926, filla de un predicador, a súa carreira como cantante estaba predestinada ao gospel das igrexas, pero decidiuse polo blues, como guitarrista, baterista e compositora. Comezou como corista de a finais dos anos 40, e a súa carreira foi longa, pero intermitente e moi irregular. As súas primeiras gravacións coñecidas datan de 1950, xunto cos Harlem Stars para un selo de Houston. Entón asinou un contrato con Peacock Records e comezou a traballar con Johnny Otis, e sobre todo Jerry Leiber e Mike Stoller, con quenes tería os seus maiores éxitos. A súas primeiras gravacións con estes últimos foron os temas 'Hound Dog' e 'I smell a rat', que logo a acompañarían durante toda a súa vida, pero que foi popularizada por Elvis.
Aquí a tedes xunto con Buddy Guy en 1965:



Neses anos conseguíu gravar as súas primeiras composicións propias. En 1960 publicou 'Ball and Chain' con Bay Tone Records, foi todo un éxito de recoñecemento popular, non de ventas, aínda que cos anos o tema remataría converténdose nun éxito na voz de Janis Joplin (incluído no "Cheap Thrills" dos Big Brother & The Holding Co. de 1968), pero debido a problemas legais co rexitro da gravación da as compañías, Thornton quedou sen os royalties que lle correspondían como autora. 
Recomendámosvos esta actuación na TV a comezos dos 60s, e aquí a tedes co mesmo tema en directo en 1971:



A súa carreira decaeu na primeira metade dos 60s, ata que en 1966 lanzou un álbum xunto con Muddy Waters para Arhoolie Records, foi o "Big Mama Thornton with the Muddy Waters Blues Band", logo do seu primeiro longo en directo "In Europe", de 1965. Desa época son tamén un par de singles entre os nosos favoritos, sobre todo este 'Me and my chauffeur', na cara b do 'Before Day':


O relativo éxito destes traballos facilitaron a súa firma con Mercury Records, cos que lanzou dous novos álbumes, "Stronger than Dirt" en 1969 e "The Way it is" de 1970, cos que obtivo un amplo recoñecemento e o ralanzamento da súa carreira. Desta época trata un amplo reportaxxe do programa de tv Gunsmoke, coa gravación dun concerto na Universidade de Oregon en outubro de 1971 (ver aquí). O éxito volvía demasiado tarde, os seus problemas coa bebida e o deteriorado da súa saúde  mermaron a súa actividade nos anos 70s, cun grave accidente de tráfico incluído. Morreu o 25 de xullo de 1984, e dende entón o recoñecemento á súa figura foi unánime, co relanzamento dos seus traballos, recopilacións e múltiples versións dos seus temas. Sen dúbida a gran pioneira do r'n'b!
Aquí vos deixamos un frangmento da súa última aparición en público, participando no Festival de Jazz de Newport de 1983:



Barrence Whitfield & The Savages "Soul Flowers Of Titan"

Tremenda esta a ser a segunda xuventude de Barrence Whitfield!!
A semana pasada lanzou un novo álbum, o número 13 da súa carreira como frontman e cuarto desta nova época, sempre acompañado por The Savages, e coma as boas cousas, mellora en cada entrega.
O título "Soul Flowers of Titan" case nos leva a pensar no mítico Sun Ra, pero non,  son doce novos temas do seu característico e salvaxe rhythm'n'blues, 35 minutos sen concesións. Comeza contundente con 'Slowly Losing my Mind' e a fantástica 'Pain', puro ritmo a toda velocidade, coma 'Sunshine don't make the Sun' ou 'Edie Please'. Ademáis pezas de intenso blues-soul coma 'Tingling', 'I'll be home someday' ou a final 'Say what you  want', e os máis standards de 'Let's Go to Mars' ou 'I gonna Leave You'. Outro discazo de Whitfield.

Barrence Whitfield & The Savages "Soul Flowers Of Titan"
(Bloodshot Records, 2018)



miércoles, 7 de marzo de 2018

Sesión de Pau Pau #OSLF

Aquí tedes unha selección da sesión do sábado de Pau Pau a Go-Gó! coa que comezamos esta nova edición do ciclo OSLF?. 50's, 60's, rockabilly, r'n'blues, funk e boogaloo, todo nuns tres cuartos de hora. Metédelle volumen!

Pau Pau a Go-Gó! "#OSLF?"
(sesión Rif-Rock 3 marzo 2018)


martes, 6 de marzo de 2018

Superser

Hoxe presentámosvos a Superser. 
Son un trío de Cedeira que practican un garage blues psycodélico, espacial e pantanoso, que nos encanta. En nada ides a escoitar moi deles. 
Esta semana aparecen cunha breve entrevista na Mondo Sonoro Galicia (ver número de marzo aquí na páxina 2), no que xa adiantan o lanzamento do seu primeiro 7'', editado pola propia banda en colaboración con Pelgar, Sweet Grooves Records, Pafff Bum Records, Doente e tamén coa participación de Ulomanía Coop.
Ide meténdolle unha escoita no seu bandcamp.




adianto de Yo La Tengo

Levábamos anos sen novidades dos Yo La Tengo. O seu último álbum completo de novo material foi o "Fade" do 2013, ao que seguíu no 2015 o "Stuff like that there", que aportaba algún tema novo, pero básicamente recuperaba o espíritu de covers do "Fakebook" de 1990 ou do "YLT is murdering the Classics" do 2006. 
Agora chega o turno dun novo álbum de estudio, "There’s A Riot Going On", coma o clásico de Sly Stone, do que rescatan o título nestes tempos turbulentos. Nestes días adiantaron un par de temas,  'For You Too' e a propia 'There's a Riot Going On'. O álbum completo o 16 de marzo.



lunes, 5 de marzo de 2018

Sáb.10: Bimba!

O próximo sábado seguimos co ciclo OSLF?. 
Será o turno dunha veterana da nosa cabina: BIMBA! aos mandos. 
Non vo-lo perdades!


viernes, 2 de marzo de 2018

Mamuthones "Fear on the Corner"

Os Mamuthones son unha banda italiana de Padua. Este é o primeiro disco que coñecemos da súa carreira por recomendación de Rocket Recordings, pero xa é o seu terceiro lp ademáis de outras edicións compartidas e un ep que case ten a mesma duración. Toman o seu nome dunha figura tradicional do entroido de Cerdeña, pero mellor que iso o busquedes vós.
"Fear on the Corner" está inspirado polo post-punk e o free jazz, pero a súa proposta sonora oscila entre o kraut rock e a psychodelia no formal. O álbum comeza coa secuencia 'Cars', 'Show me' e 'Fear on the Corner', en tres pezas despregan moito do seu arsenal, post punk melódico, estructuras repetitivas e rock psychodélico. Segue 'The Wrong Side', un peza de rítmica tribal de subidas e baixadas con todo o anterior e ese mantra ceremonial que se repite en todo o tema. Na cara b as pezas maís longas e experimentais, e unha peza de baile. Un pouco deslabazado en conxunto, pero cunha cara A de moito nivel e moitos elementos sorprendentes. Seguro que lle sacadas proveito.

MAMUTHONES "Fear on the Corner"
(Rocket Recordings, 2018)



Playa Desmayo 'Rubia'

Máis material do GZ Canibal. Os Playa Desmayo son un dúo da Coruña, que prometen moita mesturan garage, punk e surf
Logo dunha demo lanzada o ano pasado no seu bandcamp, a finais de xaneiro publicaron o clip de 'Rubia', un video curradísimo, e un tema que xa está a outro nivel. Seguídelles a pista!


jueves, 1 de marzo de 2018

Parquet Courts 'Almost Had To Start A Fight...'

Máis adiantos. A semana pasada os Parquet Courts lanzaban o single de presentación do seu novo álbum, levará título "Wide Awake!" e aínda teremos que agardar ata o 18 de marzo, pero polo momento nos deixan o temazo 'Almost Had To Start A Fight / In And Out Of Patience' para facernos as ganas.


marzo 2018: ciclo Où Sont les Femmes?

Aquí tedes a programación especial para o mes de marzo. 
Outro entrega de #OSLF na que xuntamos a algunhas das nosas mellores amigas para que se fagan cargo da cabina do Rif-Rock durante todo o mes.

Où Sont les Femmes???
· Sáb.3: PAU PAU A GO-GÓ!
· Sáb.10: BIMBA!
· Sáb.17: ROCCO dj
· Ven.23: DARK BLACK
· Sáb.24: MARINOCHA ÜBER ALLES
· Ven.30: RECKLESS DAUGHTER
· Sáb.31: LILA ELÉCTRICA

Aquí tedes sete noites con sete propostas e estilos ben variados. 
Non faltedes!!